GALIZA

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Festa da Androlla e o Entroido de Viana do Bolo


FESTA DA ANDROLLA E ENTROIDO DE VIANA DO BOLO


 


 A androlla é un embutido típico da comarca de Viana, que se fai en tripa gorda, afumada como un chourizo, e reenchida de costela de porco tallada e adobada con carne, todo sazonado con sal, pemento doce e picante e un pouco de allo. Necesita afumarse durante dez días e secarse durante uns dous meses antes de estar lista para cociñar.




O Domingo de Entroido, este produto elaborado con carne de porco é o produto estrela da xornada en Viana do Bolo e son moitas as persoas que acoden a degustala, acompañada de cachelos e de grelos, en medio do ambiente festivo propio do Entroido, un dos máis orixinais da provincia de Ourense.









Aquí a personaxe típica é o “boteiro” que, coa súa máscara de madeira de cor negra rematada por unha pantalla con armazón de arame recuberta de tiras de papel de seda de cores e os seus saltos, garda reminiscencias de culturas exóticas.








                                              



 Rechamante tamén polo colorido das fitas de tea que cobren a súa camisa, que forman debuxos xeométricos ou florais, o “boteiro” é o encargado de abrir paso aos folións e manter a orde da comparsa.



 Moi respectado polo público, cos seus movementos ten a habilidade de facer que as chocas do seu cinto, de distintos tons, soen como é axeitado en cada momento.

Ningún comentario :

Publicar un comentario