GALIZA

xoves, 24 de marzo de 2016

QUEN FOI ... ANGELES ALVARIÑO ?

Ángeles Alvariño

Unha precusora na investigación oceanográfica mundial
Foto de Ángeles Alvariño. Fonte: Arquivo de Ángeles Leira Alvariño.
Oceanógrafa de profesión, Ángeles Alvariño González naceu en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916. É filla do doutor Antonio Alvariño Grimaldos e de María del Carmen González Díaz-Saavedra. Desde pequena caracterizouse por ter unha grande inquietude intelectual e demostrou unha habilidade especial e gusto pola lectura.
Ata 1931 estudou en diversos centros educativos de Ferrol, para despois cursar o Bacharelato Universitario en Ciencias e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1933 coas disertacións: Insectos Sociales e Las mujeres en el Quijote.
Aínda que en 1934 comeza os seus estudos de Ciencias Naturais na Universidade de Madrid, estes vense interrompidos polo peche das aulas, motivado pola Guerra Civil. Nese período Alvariño decide mellorar os seus coñecementos de francés e iniciarse na aprendizaxe do inglés, lingua que constituirá unha valiosa ferramenta de traballo na súa futura aventura americana nos Estados Unidos.
En 1940 casa con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra Española e Cabaleiro da Real e Militar Orde de San Hermenegildo, e dous anos máis tarde nace a súa filla, María de los Ángeles Leira Alvariño, coñecida arquitecta e urbanista radicada nos EE UU.
Unha vez aberta a universidade, Ánxeles continúa cos seus estudos e en 1941 realiza un Máster en Ciencias Naturais con Honores na Universidade de Madrid. De 1941 a 1948 imparte clases como profesora de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía, en colexios universitarios en Ferrol.
En 1951 obtén o Certificado de Doutoramento en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal na Universidade de Madrid. Entre 1950 e 1957 é destinada como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía (laboratorio oceanográfico de Vigo).
Nos anos 1953 e 1954 recibe unha bolsa do British Council para realizar investigacións sobre zooplancto no Laboratorio de Plymouth, Inglaterra, baixo a dirección de Frederick S. Russell e Peter. C. Corbim. Ánxeles Alvariño foi a primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Participou en varias expedicións e cruceiros científicos no Atlántico e Pacífico, a bordo de buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España e México.
Durante o período 1956-1957, Ánxeles recibe unha subvención da Comisión Fulbrigth para realizar investigacións científicas sobre zooplancto na Woods Hole Oceanographic Institution (http://www.whoi.edu/), de Massachusetts. Nos anos seguintes segue recibindo subvencións de institucións como a Marine Life Research, a Oficina Naval de Investigacións dos Estados Unidos e a National Science Foundation. No ano 1967 doutórase en Ciencias pola Universidade de Madrid coa tese: Los Quetognatos del Atlántico. Distribución y Notas Esenciales de Sistemática.
Esta científica galega continúa subindo chanzos na súa carreira profesional, é requirida polo Scripps Institution of Oceanography (1958-1969), (La Jolla, California) (http://sio.ucsd.edu/) para efectuar investigacións sobre plancto, correntes e dinámica oceánica. En xaneiro de 1970 obtén o cargo de Bióloga Investigadora no recoñecido Southwest Fisheries Science Center (NOAA), (http://swfsc.noaa.gov/), para efectuar estudos sobre a albacora e outros peixes, así como sobre o plancto e as súas relacións coa dinámica oceánica, as pesqueiras e o efecto dos depredadores do plancto na supervivencia das larvas de peixes.
Ánxeles pasa a ser unha muller precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños, os indicadores planctónicos para correntes oceánicas e para a pesca. Entre as ditas especies tomamos como exemplo: 1987: Medusa, Pandea cybeles (mar dos Sargazos), 1987: Chaetognata, Spadella pimukatharos (augas da illa Catalina, California), 1984: Sifonoforos, Lensia reticula e Lensia lelouve, 1983: Sifonoforos, Heteropyramis alcala e Thahassophye ferrarii (do Pacífico sur), 1983: Sifonoforo, Nectocarmen antonioi (de augas de California), 1981: Chaetognata, Spadella Legazpichessi (augas das illas Marshall), 1978: Chaetognata, Spadella gaetanoi (augas de Hawaii), 1972: Sifonoforo, Epibulia ritteriana, 1970: Chaetognata, Spadella (augas de Curacao), 1968: Sifonoforos, 2 novas especies, 1967: Sifonoforos, Vogtia kuruae, 1962: Chaetognata, dúas novas especies, 1961: Chaetognata, Sagitta scrippsae e dúas novas especies. Dous exemplares planctónicos levan o seu apelido, o quetognato Aidanosagitta alvarinoae (Pathansali, 1974) e a hidromedusa Lizzia alvarinoae (Segura, 1980).
Os traballos científicos orixinais publicados por Ánxeles alcanzan o centenar. Revistas como Pacific Science, Bulletin Scripps Institution e Calcofi Atlas e o Boletín del Instituto Español de Oceanografía albergaron os seus artigos.
Desde 1976 Ánxeles posúe numerosos nomeamentos académicos en diversas universidades, como a University of San Diego, a San Diego State University, o Instituto Politécnico Nacional de México, a Universidade Federal de Paraná e a Universidade Nacional Autónoma de México.
A partir de 1993 retírase como científico emérito, status alcanzado xa en 1987, e segue publicando os resultados das súas investigacións. A súa obra máis destacada desta época é o estudo sobre a expedición de Malaspina, patrocinado pola Xunta de Galicia. Foi a súa maneira de combater a propaganda dada a Cook como a primeira expedición científica.
Desde Galicia e en recoñecemento á súa importante traxectoria profesional, Ánxeles Alvariño foi distinguida coa Medalla de Prata de Galicia no ano 1993. Así mesmo, despois de que a Universidade da Coruña lle dedicara a Semana das Ciencias en 2005, o Concello de Ferrol rendeulle unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa en honor a unha das mulleres máis destacadas no mundo da ciencia.
Ao seu falecemento en San Diego (California), o 29 de maio de 2005, deixou rematado outro manuscrito sobre as aves e animais mariños atopados na expedición Malaspina e logo estudados por ela. Trátase dun proxecto que proximamente será rematado e traducido pola súa filla.

Ningún comentario :

Publicar un comentario