GALIZA

xoves, 24 de marzo de 2016

QUEN FOI ... ADELARDO NOVO BROCAS ?

Adelardo Novo Brocas

Protagonista da prensa galega en Cuba
Adelardo Novo Brocas
A vida de Adelardo Novo estaba destinada ao xornalismo, non podía ser doutro xeito. Seu pai, natural do Ferrol e emigrante en Cuba, foi o primeiro director do xornal El Correo Gallego, publicado na cidade departamental desde 1878. Seus tíos, José e Enrique Novo García tiveron un destacado protagonismo na prensa galega da Habana; foron fundadores, entre outras publicacións, do semanario Galicia Moderna. Xa que logo, emigración e xornalismo condicionaron desde o comezo a existencia de Adelardo Novo.

Naceu no Ferrol o 7 de setembro de 1880. En 1895 rematou os estudos de Bacharelato no Instituto de Ensino Secundario da Coruña, matriculándose en 1896 na carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. En 1900 deixa os estudos e marcha a Madrid a traballar. En 1904 emigra a Cuba, instalándose na Habana. Durante tres anos estivo á fronte do xornal La Unión Española, medio que abandonou en marzo de 1907, cando a cabeceira pasa ás mans doutros propietarios.
O 10 de abril de 1907 funda o Diario Español. Ademais de dirixir este periódico, Novo era autor da sección "Pequeñeces". Adelardo Novo mantivo constantes enfrontamentos cos xestores da empresa propietaria do Diario Español. Novo chegou a ser acusado de estafa, aínda que foi absolto polos tribunais. Posteriormente, para se reinvindicar, escribiu o libro El Diario Español por dentro. Como director do Diario Español, Adelardo Novo realizou un destacado labor de propaganda da Biblioteca América, proxecto inspirado polo emigrante galego en Bos Aires Gumersindo Busto Villanueva. Así, a partir de 1910 Novo figura como encargado en Cuba de recoller os fondos bibliográficos para a Biblioteca América que se instalaría na Universidade de Santiago de Compostela.
Durante unha tempada dirixiu tamén a revista Follas Novas, medio que desde 1907 pertencía á mesma empresa que o Diario Español. Codirector e corredactor do Almanaque gallego, publicación da que só apareceu un número en 1909, en formato libro de 190 páxinas. En galego aparecen poesías de Francisco Añón, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Aberto García Ferreiro e do propio Adelardo Novo. O resto da publicación estaba en castelán: reseñas sobre homes e feitos galegos de Cuba, historia das principais institucións galegas da emigración e das sociedades de instrución. Incluía tamén unha crónica gráfica, un repertorio de efemérides galegas, noticias sobre agrupacións musicais e da Caixa de Aforros.
Outros medios dirixidos por Novo foron: El Avisador Comercial, La Publicidad, El Comercio, El Eco Montañés, La Discusión, El Tiempo e El Republicano Conservador. Foi tamén impulsor de diversas sociedades de emigrantes creadas en Cuba: Ferrol y su Comarca, Unión Barcalesa (da que foi nomeado en 1908 socio de honra). En 1905 ocupou o cargo de secretario da sección de fomento do Centro Gallego. Foi tamén impulsor da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, sendo nomeado académico correspondente tras a constitución desta entidade. En novembro de 1908 foi distinguido coa Cruz de segunda clase do Mérito Naval, con distintivo branco, polos servizos emprestados ao seu país co gallo da visita do buque-escola "Nautilus".
En 1917 regresou a Galiza tras a súa expulsión de Cuba motivada por uns artigos publicados en Vida Gallega que ofenderon ás autoridades cubanas. Máis tarde acadaría volver a Cuba en marzo de 1919, retomando a dirección do Diario Español. En 1930 realizaría unha nova visita a España. Cómpre afirmar que este segundo retorno fíxose no dirixíbel "Graf Zeppelin", a viaxe estaba patrocinada polos presidentes das dúas máis importantes compañías cervexeiras da Habana: La Tropical e La Polar. Tras regresar a Cuba, Novo escribiría o libro De La Habana a Sevilla por los aires. Impresiones de un periodista español pasajero del Zeppelin (A Habana: Hermes, 1930).

En 1931 regresou a Galiza. Deste xeito, o 30 de abril de 1931 saía á rúa o derradeiro número do Diarío Español. Durante a II República Adelardo Novo ocuparía destacados cargos. Así, en maio de 1933 foi nomeado como Gobernador Civil da provincia de Lugo. Máis tarde ocuparía outros gobernos civís, como o de Valladolid. Comprometido politicamente co bando republicano, Novo foi detido e encarcerado en 1936 en Pamplona. As penalidades da cadea mermaron a súa saúde. Trasladado ao Hospital de Logroño, falecería neste centro en xullo de 1939.

Ningún comentario :

Publicar un comentario