GALIZA

xoves, 24 de marzo de 2016

QUEN FOI ... CARLOS MONTENEGRO RODRIGUEZ ?

Carlos Montenegro Rodríguez

Narrador galego en Cuba
Carlos Montenegro Rodríguez
A vida de Carlos Montenegro parece sacada dunha das súas novelas e, porén, foi real: dramaticamente real. Pouco coñecido en Galiza, Montenegro é un dos principais narradores cubanos do século XX. Os seus libros están marcados polas súas intensas vivencias. Achegámonos á súa vida e á súa obra a través das seguintes liñas.
Carlos Antonio Montenegro Rodríguez naceu na Pobra do Caramiñal o 27 de febreiro de 1900. O seu pai, Ramón Montenegro Domínguez, foi oficial do exército colonial español en Cuba. A súa nai, Mercedes Rodríguez Pacheco, era natural da Habana. Nalgúns dos seus contos Montenegro recreará a súa infancia. Así, no relato La mar es así escribe:
"Si no ha crecido en mi memoria, aquel era el mayor espectáculo de la naturaleza; era en verdad el más hermoso. Desde los acantilados sobre la mar infinita se imponía un paisaje que aún da a mi espíritu, en ocasiones difíciles, una enorme fuerza. Hacia el oriente todo era piedra, mar profunda y luz. A veces la mar, espantosamente bravía, lo borraba todo en su superficie, arrojando después a la playa restos minúsculos de madera y en ocasiones un ahogado, el rostro duro y moreno, un poco hinchado el vientre, que en seguida se veía rodeado de muchachos mudos y mujeres sollozantes. A veces la mar estaba asombrosamente apacible. “La mar es así”, decía mi padre".
As penalidades da vida de Carlos Montenegro comezarían axiña. A ruína do negocio pesqueiro do pai leva á familia a seguir o camiño da emigración. Así, en 1907, sendo aínda un neno, chegou a Cuba. Coa súa familia instálase en Guanabacoa (provincia da Habana), onde cursou estudos no colexio da orde de San Vicente de Paúl. Neste centro de ensino comezaría a difícil vida de Carlos Montenegro, pois axiña foi expulsado por unha falsa acusación de malos tratos.
Os negocios tampouco marchan ben en Cuba e, en 1914, a familia trasládase á Arxentina. No país austral instaláronse na provincia de San Luis, onde vivía un irmán do pai. A experiencia arxentina só durou once meses. Xa de volta en Cuba, Montenegro alístase como grumete nun barco de cabotaxe e fai vida mariñeira en diversas compañías de navegación do Continente. Desempeña numerosos oficios en México e nos EE.UU. En México sufriría o seu primeiro ingreso na cadea ao se ver implicado nunha liorta. Esta experiencia serviríalle máis tarde para a redacción da novela El mundo inefable, que permanece inédita.
En 1918, nun dos seus regresos á Habana, vese implicado nun asasinato que o levará a ser condenado a 14 anos de prisión. Cumpre a súa condena no Castelo do Príncipe, prisión onde coñeceu ao poeta José Zacarías Tallet, que traballaba alí como funcionario. Este poeta resultou decisivo na posterior vocación literaria de Montenegro e para o seu vencello coa importante publicación Revista de Avance. Aínda na cadea publica en 1929 o libro El renuevo y otros cuentos. Tamén en 1929 casou coa poeta Emma Pérez Téllez.
En 1931, tras saír en liberdade, comeza a se dedicar ao xornalismo. En 1933 afíliase ao Partido Comunista e comeza a traballar no xornal Hoy, vencellado a este partido e do cal chegaría a ser xefe de redacción en1936. En 1934 publica o libro de relatos Dos barcos. Foi tamén coeditor da revista Mediodía, no desempeño deste cargo tamén tivo problemas coa xustiza cubana. Así, en 1936 foi xulgado por pornografía logo de publicar na revista un capítulo da súa novela Hombres sin mujer. Da revista Mediodía foi corresponsal en España nos anos da Guerra Civil. En efecto, da súas experiencias como corresponsal de guerra en España son froito as súas obras Aviones sobre el pueblo (1937) e Tres meses con la fuerza de choque (División campesino) (1938).
En 1938 publica en México a súa novela Hombres sin mujer, libro que xorde das súas experiencias en prisión. Xunto con Nicolás Guillén, Juan Marinello, Rafael Marquina e outros, en 1938 formou parte da Unión de Escritores y Artistas de Cuba. En 1942 publica Los héroes. En 1945 por disputas internas abandona a redacción do xornal Hoy e o seu vencello co Partido Comunista.
Na década dos corenta foi un dos escritores que máis estimularon a narrativa cubana baseada nas xestas independentistas, a de 1895 en especial. En 1944 sería galardoado co premio "Hernández Catá" polo seu conto Un sospechoso. En 1953 viaxou á Pobra do Caramiñal. Froito da súa visita á súa vila natal foi o relato El regreso.
Tras o triunfo da Revolución en 1959 marcha primeiro a México e máis tarde a Costa Rica. En 1963 estabeleceuse en Miami, onde viviu o resto da súa vida. Finou o 5 de abril de 1981.

Ningún comentario :

Publicar un comentario