GALIZA

xoves, 16 de febreiro de 2017

ENTROIDO RIBEIRAO DE CHANTADA LUGO ver video

VIDEO .....
O Entroido RibeiraoO Entroido Ribeirao nos seus inicios celebrábase en case todas as parroquias da ribeira chantadina: San Pedro de Líncora, Camporramiro, Santiago da Riba, A Sariña, Nogueira ou Vilaúxe. Entre elas establecíase unha auténtica rivalidade para conseguir ser a parroquia que mellor os facía. Trocando aspectos xeográficos por outros puramente formais dicir que a festa chantadina se prolonga durante todo o mes de Febreiro constatándose catro días de festexos :
• Domingo Lambedoiro
Ou de septuaxésima, segundo Xosé Manuel Vázquez Rodríguez esta data atópase moi relacionada coa gastronomía que se mostra como parte fundamental do Entroido. Tamén é coñecido este Domingo como fareleiro ou borralleiro xa que os festeiros se lixaban uns ós outros con diversos produtos ofertados pola nai natureza; tamén era común arroxar formigas cabalares con vinagre.
• Domingo Corredoiro (ou de sesaxésima)
Data na que son comúns xogos de diversa índole amais de algunha que outra representación teatral. 

• Domingo de Entroido
Ou de quincuaxésima, día propio da festividade.

• Martes de Entroido
Neste día tamén se produce o testamento da máscara, acto no que se repasa a vida dos veciños da zona; celebran o enterro do Santo Entroido, que simboliza a festividade no seu conxunto, é introducido nun cadaleito de formica que posteriormente se cubre con follas. Os volantes bailan arredor da caixa fúnebre mentres o crego e o sancristán tentan resucitar ó cadáver. Despois de diversos requisitos bérranlle: “¡sae dunha vez! ¿qué, non queres que haxa festa?”; nese intre o Santo Entroido érguese e di: “tede a festa tranquilos que xa volverei pro enterro”, nese momento marcha para volver o Martes de Entroido. Nesta data é conducido ó campo da festa e vólvese a introducir no cadaleito. Aproveitando o baile dos volantes emprende a fuxida para non regresar ata o ano que ven. Este é o xeito no que se representa o enterro do Santo Entroido.






En canto ós personaxes típicos do Entroido Ribeirao caben ser destacados, por riba de calquera outro, os volantes que dotan á celebración chantadina de gran parte da súa singularidade. Portan sobre a testa os famosos “puchos” que non son outra cousa que enormes gorros dos que se di que teñen a forma de camarín da Virxe. Estruturas moi pesadas, estímase que poden chegar a pesar 15 quilos, teñen unha estrutura interna de madeira feita con paus de vimbia ou salgueiro. Sobre ela colgan numerosas cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude cunha gran profusión de colorido. Tamén é común que sobre o “pucho” se coloquen bonecas e flores que nun tempo eran elaboradas polas mulleres das distintas parroquias; coméntase que en cada freguesía tiñan un xeito de elaboralas. Nos ombreiros, os volantes levan un pano cunha gran variedade cromática chamados “portugueses” para diferencialos dos utilizados na antigüidade, denominados “marinos” xa que moitos dos mesmos proviñan de ultramar sendo de cores máis tristes. O volante, sempre masculino, ten unha vestimenta inferior caracterizada por presentar unha serie de bandas con cores moi significativas; son comúns as cores vermella e amarela (por ser como a bandeira española; dise que na antigüidade era a tela máis barata) aínda que na actualidade non é estraño ver ós volantes coa cromática azul/branco.
Estas relevantes personaxes portan un cinto feito en coiro, o da parroquia de Santiago da Riba estaba realizado en coiro de porco por ter maior duración, sobre o que penduran un total de 24 campaíñas (as “esquilas” de Manzaneda e Viana do Bolo) que se van alternando en función do seu son; as de timbre grave, denominadas “ machos ”, e as de son agudo ou “femias”. O seu papel ou función é a de protagonista principal, anunciando a festa aló por onde van.
               

 
Outro dos actores protagonistas do Entroido ribeirao é o peliqueiro. Contrapunto que é do Volante, viste dun xeito farrapento e descoidado con roupa sempre vella. É bastante común que cubra a súa faciana e maila súa cabeza cunha carauta realizada case sempre en pel. O seu rol é o de abrir paso ó Volante valéndose dunha correa de coiro que agarran polo pulso; coa mesma cargan sobre as xentes que aparecen no camiño. Na súa parte posterior, a altura do van, levan unha gran choca do xugo dos bois sen esquecernos que tamén portan unha pelica, de aí ven o seu nome. En tempos acompañábano no seu camiñar os Mecos e os Maragatos, protagonistas tamén do Entroido Ribeirao, aínda que a día de hoxe son pouco frecuentes e na maioría das ocasións atópanse confundidos co peliqueiro.

Unha das características máis relevantes deste festexo son os   “oficios ”. Estes non son outra cousa que pequenas representacións teatrais nas que se trata cun ton satírico diversos aspectos da actualidade ou da vida cotián das persoas. É bastante frecuente que os asistentes se mesturen cos actores vinculándose directamente na representación da sátira. Sobre os temas tratados nos oficios salientar algúns exemplos para ter un concepto claro da simboloxía dos mesmos: a voda de dous curas homosexuais, figuracións sobre algún presidente do goberno, etc. No pasado non era común o feito de falar nestas pezas teatrais; o habitual era realizar diversos ruídos expresivos do que se quería dicir. Os oficios aínda sendo moi representativos da celebración feita na nosa comarca non son únicos da mesma. Hai que trasladarse poucos quilómetros para ollalos en Salcedo (Lugo), en Viana do Bolo (Ourense) ou en Manzaneda.
  

 Analizando polo miúdo o Entroido de Chantada óllase como posúe moitos puntos en común con outros entroidos celebrados non só en Galicia, senón tamén no resto de España e Europa. Algunha das mesmas foron comentadas en liñas anteriores pero existen máis. Poñamos como exemplo os gorros e as cintas coloridas que tamén son características das celebracións feitas en Valfloriana, Italia; os puchos tamén son habituais no Trentino (Italia), ou en Telfs (no tirol austríaco). Máis puntos en común. Os peliqueiros da nosa comarca son os denominados “Momotxorroak” (homes salvaxes) de Navarra e as bonecas que en Chantada se colocaban nos puchos tamén aparecen no Entroido de Cobres, localidade da provincia de Pontevedra. Pero o Entroido tamén ten unha profunda carga simbólica. A festividade atópase inzada de referencias simbólicas que fan alusión, normalmente, á natureza  

que nos rodea. Mostra do comentado témola nas cores vivas que adornan ó volante; as mesmas crese que son un intento de engano á natureza para que esta crea que o inverno rematou e que xa é hora de que o clima troque para ter condicións climáticas máis benignas. Outra referencia simbólica é a que nos ven mostrada polas campás que os volantes axitaban con moito fervor unha vez chegados ás terras de cultivo; pénsase que tal acto viña motivado pola crenza de que o son das campás aumentaría a fertilidade das terras; nalgúns lugares de Europa, o son das campás era utilizado para expulsa-los malos espíritos.
Para rematar co relato do Entroido dicir que non sempre foi ben visto polas autoridades. Poñamos como exemplo a ditadura franquista que como era habitual, vía pantasmas  onde nos as había. A esta oposición das autoridades uniuse a dos cregos que tentaban inculcar ós rapaces a repulsa pola festividade. Nunca conseguirían tal feito xa que os nenos ollaban nos seus lares a paixón dos ribeiráns polo Entroido. Era común que os mesmos fixesen xuntanzas nas adegas, sempre ás agachadas, para tentar evitar ós gardas. Unha vez feitos os preparativos daba comezo o festexo no que había unha especie de vixiante que daba aviso da chegada das autoridades.

...“Volante” rexo o abandeirado
que ó son das campaíñas
bailas e campas.
¡As “colonias” ó vento
contigo danzan!
¡E coas tuas reviravoltas
as cores xiran e cantan!
¡Que espectáculo
que abraio de estampa!
Baila-las campás
e as “colonias” danzas
en retrincos de cor
os soídos estalas...
(Sabela Díaz Regueiro, ano 2002)








 


SUSCRIBETE A ESTA CANLE PARA VER MAIS VIDEOS https://www.youtube.com/channel/UCNjvDj15Vlpio21zo7p8Efg
SIGUENOS NO FACEBOOK https://www.facebook.com/GalizaOficial/

Ningún comentario :

Publicar un comentario