GALIZA

martes, 28 de febreiro de 2017

QUEN FOI ... CAMILO JOSE CELA ?

CAMILO JOSE CELA

Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.


Foi fillo de Camilo Crisanto Cela y Fernández e Camila Emanuela Trulock Bertorini, de ascendencia inglesa (filla de John Trulock) e italiana . Recibiu o bautismo cos nomes de Camilo José Manuel Juan Ramón Francisco de Jerónimo na Colexiata de Santa María a Maior de Adina. Entre 1921 e 1925 a familia viviu en Vigo, e despois instaláronse en Madrid, onde fora destinado seu pai. Camilo José asiste ao colexio dos Escolapios da rúa Xeneral Díaz Porlier.
Entre 1931 e 1932 ingresou varias veces no hospital das Navas (Guadarrama) a causa dunha tuberculose pulmonar, empregou eses períodos de repouso na lectura da obra completa de José Ortega y Gasset e as colección completas dos clásicos españois de Rivadeneira, Cervantes e Quevedo. En 1933 Cela concluíu os seus estudos secundarios. En 1934 inicia a carreira de Medicina na Universidade Complutense, pero moi pronto descoida estes estudos para asistir, na nova Facultade de Filosofía e Letras, ás clases de Literatura española contemporánea de Pedro Salinas, a quen confía os seus primeiros poemas. Alí faise amigo do escritor e filólogo Alonso Zamora Vicente. Tamén establece amizade con Miguel Hernández e María Zambrano, en cuxa casa da Praza do Conde de Barajas coñece en faladoiro a Max Aub e outros escritores e intelectuais.
1936-1950
En 1936 anunciara no xornal arxentino La Plata a súa novela de poesía Pisando la dudosa luz del día, que non foi publicada até 1945.
Nos anos da Guerra Civil Española, e durante o asedio de Madrid, o escritor, integrado no exército nacional, foi ferido no fronte e hospitalizado. Anos despois rexeitou a ditadura de Franco e mantivo unha actitude independente e provocativa.
En 1940 inicia os estudos de Dereito en Madrid. Empeza a publicar en España, entre elas unha hoxe desaparecida Biografía popular de San Juan de la Cruz que firma co pseudónimo de "Matilde Verdú", e o artigo "Fotografías de la Pardo Bazán", que aparece no número 25 da revista Y no febreiro de ese ano.
En xaneiro de 1942 conclúe La familia de Pascual Duarte, unha dura historia ambientada nunha aldea estremeña que reflicte o mundo popular e campesiño e uns seres primitivos, de instintos primarios e grandes paixóns, onde destacan o odio e a violencia. Escrita cunha prosa desgarrada e crúa, foi todo un acontecemento e deu lugar mesmo a unha corrente, coñecida como tremendismo. Custoulle encontrar un editor, tarefa na que conta co alento e a axuda do seu amigo José María de Cossío, ó que Cela lle fará regalo do manuscrito. A finais de ano a obra é editada por Aldecoa en Burgos. Pío Baroja, que xa non quixo meter o seu prólogo, asustado por mor do como se podería poñer-lo asunto, declara no xornal El español de 2 de xaneiro de 1943 que é unha novela moi boa.
En 1943, tralo éxito de La familia de Pascual Duarte, as revistas literarias do momento, entre elas El español e La Estafeta Literaria, aplauden a obra. Non obstante, é obxecto de efectivos ataques por parte de Ecclesia, voceiro da Xerarquía católica. Isto provoca que a segunda edición, sexa prohibida en novembro. Cela deixa os seus estudos de Dereito e o seu emprego para dedicarse por completo á literatura. A novela Pabellón de reposo, publicada no folletín El Español, fala sobre a vida solitaria dos tuberculosos internados nos lazaretos.
O 12 de marzo de 1944 Camilo José Cela casa con María del Rosario Conde Picavea, (Charo), falecida o 8 de febreiro do ano 2003. Publica a novela Nuevas andanzas y desventuras de Lazarillo de Tormes no semanario La Juventud, nun intento de actualizar o xénero picaresco que non tivo moito éxito.
En 1945 publícase en Buenos Aires a terceira edición de La familia de Pascual Duarte, ante a imposibilidade de reeditala en España. Tamén publica, como prometera no ano 1936, a novela de poesía Pisando la dudosa luz del día na que se denota a influencia de Rafael Alberti e Pablo Neruda e na cal manifesta unha tendencia surrealista de fondo que mantivo o longo da súa obra. A esta séguelle o seguinte libro de poesías, El monasterio y las palabras. Tamén neste ano publica o conto Esas nubes que pasan e o artigo "Mesa revuelta". Cela, visto o resultado das súas publicacións, comenza a escribir en Madrid La colmena, na que a longo de case tres días fala duns 296 personaxes imaxinarios e 50 reais, enfocando un a un dende varios ángulos nunha época da posguerra no café de dona Rosa.
O 17 de xaneiro de 1946 nace Camilo José Cela Conde, único fillo do matrimonio. Entre o 6 e o 15 de xuño o escritor viaxa a La Alcarria co fotógrafo Karl Wlasak e Conchita Stichaner. Cela escribe neste ano un guión para o cine: Consultaré a míster Brown.
En 1947 publica El bonito crimen del carabinero y otras invenciones, engaños y ofuscaciones. Admirador e, en parte debedor, de Pío Baroja, no ano anterior decidira facer a aventura paisaxística da Xeración do 98 e empezou a percorrer a pé paisaxes de Castela, experiencia que materializaría en varios libros de viaxes. Cela expón a súa pintura na galería Clan de Madrid e logo na sala coruñesa de Lino Pérez.
En 1948 publícase en Madrid o libros de viaxes Viaje a La Alcarria. Cela é o viaxeiro que vai contando pequenas anécdotas e describindo as paisaxes e as xentes das poboacións de La Alcarria por onde pasa. Co peto ás costas e a cantimplora suxeita ao cinto, o viaxeiro vai realizando o percorrido. Cando a viaxe remata o escritor deixa atrás a Alcarria coas súas notas a costas e un pouco de morriña. En San Sebastián saca á parte o Cancionero de la Alcarria, que a partir da edición de 1954, únense nunha mesma obra; tamén escribe e publica "El cuento de la buena pipa".
En 1949 publica o conto fabulista El gallego y su cuadrIlla e Otros apuntes carpetovetónicos, onde se acentúa a súa tendencia á esquematización psicolóxica e ó xogo formal.
En xaneiro de 1950 estréase no cine Coliseum de Madrid, a película de Jaime de Mayora, El sotano, con guión e actuación como actor do propio Cela, do que lle queda un bo recordo. Escribe outro guión: Facultad de Letras.
1951-1975
En 1951, logo dalgúns problemas coa censura do goberno de Perón, publícase en Buenos Aires La colmena, unha novela coral que reflicte a sociedade e a cultura española, na que se narra a vida malpocada duns seres no Madrid da posguerra. Por ese motivo, foi nun principio prohibida en España. Anos despois foi levada ao cine por Mario Camus, cunha actuación do propio autor.
En 1952 publica dúas novelas de viaxes (Ávila e Del Miño al Bidasoa), dúas novelas curtas (Timoteo el incomprendido e Santa Balbina 37, gas en cada piso) e o guión El cerco del demonio. En 1953 publica Mrs. Caldwell habla con su hijo, un alucinado monólogo dunha muller co seu fillo morto. Tamén publica as novelas curtas Café de artistas e Baralla de invencións, ademais do guión Manicomio.
En 1954 múdase de Madrid a Palma, e coñece a Ernest Hemingway. Ao ano seguinte publica La catira, unha novela ambientada nos círculos venezolanos. En abril de 1956 comeza a publicarse a revista mensual Papeles de Son Armadans, da que asume a dirección. Nela apareceron publicacións de moitos escritores españois do exilio durante a ditadura franquista. Ademais, publica Judíos, moros y cristianos (novela de viaxes) e El molino de viento (novela curta). Visita El Escorial con Hemingway, co que coincide de novo en outubro no enterro de Pío Baroja, sendo Cela unha das persoas que baixan o sarcófago.
O 21 de febreiro de 1957 é elixido para ocupar a cadeira Q da Real Academia Española, vacante tralo falecemento do Almirante Estrada. O día 26 de maio le o seu discurso de ingreso sobre a obra literaria do pintor Solana, sendo contestado por Gregorio Marañón. Ese mesmo ano publica Tres poemas gallegos (libro de poesías), Nuevo retablo de don Cristobita (conto e fábulas), Cajón de sastre e La rueda de los ocios (escolma de artigos). Comeza a adaptar e traducir o cantar I do Poema del Mio Cid, que remata dous anos máis tarde.
En 1958 viaxa por dúas veces a Francia e visita a Picasso na Californie. Durante o verán recibe en Mallorca a Américo Castro e Jorge Guillén. Nese ano publica tres libros: Historias de España, Los ciegos Los tontos e Don Pío Baroja.
En 1959 publica La Cucaña (se ben algúns fragmentos xa foran publicados en 1953 no Correo Literario). La verdadera historia de Gumersinda Cosculluela, chica que prefirió la muerte a la deshonra e Encarnación Toledano o la perdición de los hombres inauguran os chamados romances do cego. La rosa é un libro de memorias, e Primer viaje andaluz é unha novela de viaxes. Nela conta as notas dun vagabundo polas terras de Xaén, Córdoba, Sevilla e Huelva. En maio organiza e convoca dende Papeles de Son Armadans, as Conversaciones poéticas de Formentor, ás que acoden destacados poetas españois e estranxeiros.
En 1960 publica o conto fabulado Los viejos amigos, e en 1961 o artigo "Cuatro figuras del 98". En 1962 publica a novela Tobogán de hambrientos e o conto Gavilla de fábulas sin amor (contos e fábulas), na cal aparecen debuxos de Picasso. Aparecen publicados El solitario y los sueños de Quesada, Toreo de salón e Once contos de fútbol (contos e fábulas); Garito de hospicianos e Las compañías convenientes y otros fingimientos y cegueras (artigos).
O 7 de xuño de 1964 é investido Doutor Honoris Causa pola Syracuse University de Nova York. Trasládase á súa nova casa da Bonanova, sendo veciño de Joan Miró e Robert Graves. Ese mesmo ano publica Izas, rabizas e colipoterras (conto e fábula).
En 1965 publica Viaje a U.S.A., derradeiro libro de romances de cego publicado coas experiencias dos seus discursos en devandita Universidade. Tamén publica as novelas curtas La familia del héroe e El ciudadano Iscariote Reclús e os libros de viaxes Páginas de geografía errabunda e Viaje al Pirineo de Lérida (publicada no ABC).
O conto Nuevas escenas matritenses aparece escrito en 7 series, as tres primeiras publicadas en 1965 e o resto o ano seguinte. Tamén en 1966 publica o libro de viaxe Madrid. En 1967 fai o seu debut no teatro con María Sabina, e en 1968 publica o primeiro tomo do Diccionario secreto, catalogado coma traballo de erudición.
En 1969 publica Vísperas, festividad y octava de San Camilo del año 1936 en Madrid, novela ambientada no Madrid do xullo do ano do Alzamento Nacional. Tamén publica os artigos "El servicio de algo" e "Homenaje a El Bosco I. El carro del heno o El inventor de la guillotina", falando do seu cadro O xardín das delicias, exposto no Museo del Prado e transformado en apuntamento de teatro. Libro de guisados, manjares y potajes, de maese Ruperto de Nola (tradución e adaptación). No transcurso dun novo viaxe a Hispanoamérica, visita a Pablo Neruda na súa casa da Illa Negra.
En 1970 publica o libro de viaxes Barcelona, e en 1971 sae o 2º tomo do Diccionario secreto. En 1972 edita o artigo "La bola del mundo". En 1973 aparece a novela Oficio de tinieblas 5, na que toca unha linguaxe intelectual e técnica, sen pautas, signos de puntuación e sen capitais. Tamén nese ano publica a novela El tacatá oxidado.
En 1974 foi nomeado presidente do Ateneo de Madrid, pero non chega a ocupar o cargo. Ese ano traduce e adapta Lenny. En 1975 traduce e adapta La resistible ascensión de Arturo Ui, de Bertolt Brecht, e aproba a adaptación para o cinema da película Pascual Duarte, levada a cabo por Ricardo Franco.
1976-1990
En 1976 publica o conto Rol de cornudos. O 8 de xullo concédeselle o Doutorado Honoris Causa pola Birmingham University. Comeza a Enciclopedia del erotismo, que aparece o ano seguinte.
O 27 de marzo de 1977 responde na Real Academia Española o discurso de recepción do novelista Gonzalo Torrente Ballester, nunha disertación sobre a arte narrativo. Por designación Real, Cela é nomeado senador nas primeiras Cortes Xerais da transición democrática de España.
En 1978 toma parte activa na revisión que o Senado efectúa sobre o texto da Constitución Española de 1978 elaborado no Congreso dos Deputados. A súa emenda insiste en denominar a lingua oficial do Estado coma "castelán ou español". O 4 de xullo recibe o terceiro Doutorado Honoris Causa, nesta ocasión pola Universidad John F. Kennedy de Buenos Aires. No outono, a compañía Lope de Vega, dirixida por José Tamayo, estrea no Teatro de la Comedia a adaptación de La Celestina levada a cabo por Cela, con Irene Gutiérrez Caba, Teresa Rabal e Terele Pávez.
En 1979, coa convocatoria de novas eleccións xerais, Cela conclúe a súa etapa de Senador por designación real. Desaparece a publicación Papeles de Son Armadans co artigo "Breves palabras de despedida", tras vinte e tres anos de existencia. Escribe Los sueños vanos, los ángeles curiosos (conto e fábula, apunte ou divertimento) e La Celestina (traducida e adaptada o ano anterior, pero cuns matices un pouco máis atractivos no castelán moderno).
O 28 de xaneiro de 1980 é investido Doutor Honoris Causa pola Facultade de Filoloxía da USC. Nese mesmo ano concédeselle a Gran Cruz da Orde de Isabel La Católica. Tamén recibe outros dous Doutorados Honoris Causa, polas Universidades de Palma (o 22 de xaneiro) e Interamericana de San Juan de Puerto Rico (Doutor en Letras, o 1 de xuño).
En 1981 publica os libros de artigos Los vasos comunicantes e Vuelta de hoja, e a tradución e adaptación d' O Quixote.
O 18 de abril de 1982 recibe o título de Fillo Predilecto de Padrón, e o 22 é nomeado Académico de Honra da Real Academia Galega. No mes de maio, Camilo Xosé Cela recibirá o título de Fillo Adoptivo da cidade de Torremejía, poboación pacense onde transcorre a acción de La familia de Pascual Duarte. No Palacio de Marivent, o 24 de agosto é nomeado Carteiro Honorario polo rei Xoán Carlos. O 11 de outubro estréase en Madrid a película La colmena, dirixida por Mario Camus e con guión de José Luis Dibildos. Cela participa activamente no filme, interpretando un dos personaxes: Matías Martí, o inventor de palabras. Este mesmo ano empeza a ter problemas co seu primeiro matrimonio, do cal decide a separación.
En setembro de 1983 aparece a novela Mazurca para dos muertos (posteriormente levada ao cine), e o libro de artigos El juego de los tres albedros. En 1984 é nomeado "Forense de Honor" pola Asociación Nacional de Forenses, pola gran descrición dunha autopsia que fai na novela Mazurca para dos muertos. O 7 de decembro concédeselle o Premio Nacional de Literatura pola mesma novela.
En 1985 publica Las orejas del niño Raúl e Vocación de repartidor (engadidas en contos e fábulas). Neste ano, tras un tempo de distanciamento da separación do seu primeiro matrimonio, decidiu finalmente concederlle o divorcio a súa primeira muller.
En febreiro de 1986 publicou Nuevo viaje a La Alcarria (por contraste co orixinal, fixo a viaxe nun Rolls-Royce e cunha condutora de cor negra por acompañante). Recibiu a Creu de Sant Jordi e o Libro de Ouro dos Libreiros Españois (CEGAL). Tamén este ano publicou o artigo "O burro de Buridán". O 19 de xuño recibiu o Doutorado Honoris Causa en Filosofía da Universidade Hebrea de Xerusalén.
O 27 de marzo de 1987 obtivo o Premio Príncipe de Asturias das Letras "pola elevada calidade literaria da súa abundante e universalmente coñecida obra e pola súa significación singular dentro das letras hispanas deste século, nas que influíu considerablemente". É nomeado Cidadán de Honra de Tucson (Arizona), co motivo do viaxe que o escritor realizou na procura de datos e notas para unha novela, publicada un ano máis tarde co título de Cristo versus Arizona. Recibe, a medalla Castelao da Xunta de Galicia xunto a personalidades coma Torrente Ballester, Neira Vilas ou María Casares. Traballou no guión da serie que, baseada no Quixote, rodou Manuel Gutiérrez Aragón. Asumiu a presidencia da Fundación Cultural Rich, co obxectivo de fomentar a educación e a cultura mediante as axudas financeiras e a investigación. Publicou La bandada de palomas (conto e fábula ou apunte e divertimento).
En 1988 publícase Cristo versus Arizona, novela de narración caótica con centos de personaxes que se moven no primitivismo e na desolación. A novela é un longo monólogo, sen separación de parágrafos e sen puntos. O narrador, vai desfacendo na caótica asociación unhas anécdotas, e centos de personaxes. Todo enmarcado nun brutal Oeste americano, con obsesivos ingredientes de sexo e violencia o presidido por unha falta idea do mundo.
En 1989 publica o libro de poesía Reloj de arena, reloj de sol, reloj de sangre, e o conto Caprichos de Francisco de Goya y Lucientes. O 10 de decembro de 1989 recibe en Estocolmo o Premio Nobel de Literatura, lendo o discurso Elogio de la fábula.
A finais de abril de 1990 o director Manuel Gutiérrez Aragón inicia a rodaxe da película El Quijote, sobre os guións firmados por Cela. O autor retírase a escribir, como prometera, e o 4 de novembro inicia a súa colaboración diaria coa publicación El Independente, baixo o título de "El camaleón soltero". O 22 de decembro presenta en Santiago de Compostela Galicia, o seu derradeiro libro de viaxes, ilustrado polo pintor Laxeiro e con fotografías de Vítor Vaqueiro. Publica tamén nese ano o conto El hombre y el mar e recibiu seis doutorados Honoris Causa polas Universidades de Miami (Doctor of letters o 11 de maio), Tel-Aviv (doctor philosophiae, o 6 de xuño), Santo Domingo (Mestre Honorario da Facultade de Humanidades, 27 de xuño), San Marcos (Lima, 4 de xullo), Dowling College de Nova York (Doctor of Humane Letters, 25 de setembro) e Millersville (Pensilvania, Doctor of Humane Letters, 28 de setembro).
1991-2002
En 1991 publica Cachondeos, escarceos y otros meneos (conto e fábula) e "Desde el palomar de Hita" (artigo). Recibe os Doutorados Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid (6 de xuño) e La Trobe (Melbourne, Doctor of Letters 16 de decembro). O 10 de marzo casa con Marina Castaño, xornalista que coñecía dende anos atrás. O día seguinte, coa presenza dos Reis de España, inaugúrase a Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia.
En 1992 recibe o premio Mariano de Cavia de xornalismo polo artigo "Soliloquio del joven artista", publicado no periódico El Independente o 18 de febreiro do ano anterior. Na Biblioteca Nacional de Madrid inaugúrase a exposición "50 anos de Pascual Duarte", con 187 edicións do libro, tanto en castelán coma nas numerosas linguas ás que foi traducido.
Nunha carpeta conservada na residencia parisina de Miguel Ángel Asturias aparece un soneto (con toda probabilidade inédito) escrito en Palma e dedicado a Camilo José Cela, co título de "Don Quimero".
Recibe os Doutorados Honoris Causa polas Universidades de Texas A&M (Doctor of Letters, 14 de agosto) e Saraxevo (Gradus Doktoris scientiarum honoris, concedido o 1 de novembro). Dado o conflito bélico existente en Bosnia e Hercegovina, o reitor da Universidade de Saraxevo, Jusuf Mulić, desprazouse a Iria Flavia o 14 de outubro de 1993 para facer entrega do título.
Tamén en 1993 publica o artigo "El huevo del juicio" e o libro de memorias Memorias, entendimientos y voluntades, escrito tras sufrir algún achaque de saúde. Preséntase en Madrid La sima de las penúltimas inocencias, obra de contos e fábulas con ilustracións de José María Subirachs. Coa asistencia dos Reis de España, inaugurouse na Universidade Complutense de Madrid unha estatua dedicada o escritor, realizada polo escultor Víctor Ochoa.
En 1994 recibe o Premio Planeta pola novela La cruz de San Andrés, relato minucioso da vida da protagonista, Matilde Verdú (uns dos pseudónimos usados por Cela nas súas primeiras publicacións), dende os pequenos acontecementos ate os sucesos máis dramáticos da súa existencia. Por esta obra, Cela, tivo que afrontar unha demanda de plaxio formulada por unha das concursantes. Tamén recibe a Medalla Picasso da UNESCO, e publica a novela El asesinato del perdedor, o artigo "A bote pronto" e o conto-fábula La dama pájara. Recibe os Doutorados Honoris Causa pola Universidade Católica Fu-Jen de Taipei (Doutoris in Litteratura, 1 de xullo) e a Universidade Moderna Mestre Catedrático de Lisboa (2 de novembro, recibido o 19 de xaneiro).
En marzo de 1995 sae do prelo o primeiro número da revista El Extramundi y los papeles de Iria Flavia, dirixida por cela e editada pola Fundación que leva o seu nome. O 10 de maio inaugura na torre da homenaxe do castelo de Torija (provincia de Guadalajara), o museo dedicado ao seu libro Viaje a Alcarria. Neste lugar están reunidas varias edicións da obra, así como utensilios da época na que foi escrita.
A súa produción literaria comenzou a minguar, e xa neste ano acusouse o seu declive nas publicacións. Recibe os Doutorados Honoris Causa pola Technische Universität de Dresde (Doctor philosophiae, 27 de abril) e a Universidade Pontificia Católica do Río Grande do Sul (Doutor en Letras, Porto Alegre, 8 de novembro). En decembro concédeselle o Premio Cervantes, o máis importante galardón que se outorga ás letras en lingua castelá. Trala alegría inicial pola concesión do premio, o escritor declara que "o meu oficio non é levar premios, é escribir; os premios son un engadido".
O 11 de maio de 1996, día do seu 80 aniversario, O Rei Xoán Carlos concédelle o marquesado de Iria Flavia. O lema que acompaña o escudo do marquesado é "El que resiste, gana". O 24 de maio recibe a Medalla de Ouro ó Mérito no Traballo, canda a personalidades coma o humorista e escritor Antonio Mingote ou o poeta Rafael Alberti. O 26 de setembro Cela é nomeado académico de número da Real Academia Galega de Ciencias. Publica o libro Poesía completa (último libro seu de poesía) e o artigo "El color de la mañana". É nomeado Doutor Honoris Causa pola Florida International University (Doutor of Letters, Miami, 29 de abril).
En 1997 participa, xunto a personalidades coma Gabriel García Márquez, no I Congreso Internacional da Lingua Española en Zacatecas (México), onde pronuncia un discurso no acto inaugural.
O 27 de febreiro de 1998 foi condecorado polo Xefe do Estado Maior do Exército do Aire coa Gran Cruz da Orde do Mérito Aeronáutico. O 11 de maio, coincidindo co seu aniversario, Cela é investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais de Buenos Aires. Despois dun ano de descanso, publica: Diccionario geográfico popular de España, catalogado coma traballo de erudición coa colaboración dun xove escritor e filólogo, Gaspar Sánchez Salas, que acode na súa axuda e, que posteriormente será o seu compañeiro e secretario de batallas ata a súa morte.
En xaneiro de 1999 recibe o Premio Anual da Asociación de Xornalistas de Galicia, e en febreiro, é condecorado coa Orde do Libertador San Martín da Arxentina. O 25 de maio inaugura o Museo do Ferrocarril John Trulock de Iria Flavia. Publica Historias familiares (derradeiro conto e fábula) e a súa derradeira novela, Madera de boj. Desde o lugar que os romanos entenderon coma o fin do mundo, o Finis Terrae, Cela olla cara á fachada marítima galega, converténdose nun puntual notario da capacidade destrutora da Costa da Morte, dando fe dos naufraxios porque "ó tempo pódeselle dar marcha atrás sempre con sabedoría e con cariño". A novela foi levada o cine con posterioridade. Concédenselle os Doutorados Honoris Causa pola Universidade de Filipinas (o 26 de xullo) e Kansai Gaidai (Xapón, o 23 de outubro).

No ano 2000 publica o libro-homenaxe El Bosco II. La extracción de la piedra de la locura o invención del garrote (derradeiro apunte de teatro). O 25 de maio os Duques de Lugo inauguran a aula de Macías o Namorado na Fundación Camilo José Cela. O 27 de maio é nomeado Académico de Honra da Real Academia Conquense de Artes e Letras. O 25 de setembro responde o discurso de ingreso de Carmela Arias Díaz de Rábago na Academia Galega das Ciencias.
En 2001 presenta a reedición do libro La rosa. O 20 de abril é nomeado Sátrapa do Colexio de Patafísica. Recibe na Coruña, o Premio Casino Atlántico e o 24 de setembro é nomeado "Galego do Mundo". O 24 de outubro, Manuel Fraga Iribarne e José María Aznar inauguran o aula de Nicasio Pajares na Fundación Camilo José Cela. O 14 de novembro recibe unha homenaxe na Biblioteca Nacional co motivo do cincuentenario da publicación da novela La colmena.
Finou na noite do 17 de xaneiro na clínica Centro de Madrid a causa dunha insuficiencia cardiorrespiratoria. A súa capela ardente foi visitada polos Reis, e o Presidente do Goberno, xunto con numerosas personalidades da vida cultural e política. A última hora do serán os seus restos mortais saíron por estrada cara á sede da Fundación do seu nome, en Iria Flavia, onde foi velado por familiares e veciños. O día 18 de xaneiro, tras unha misa corpore in sepulto na antiga Colexiata de Santa María (onde fora bautizado 85 anos antes), foi soterrado no cemiterio de Adina, ó pé dunha oliveira centenaria, baixo a cal xa pedira Rosalía de Castro ser soterrada en 1885.
SIGUENOS NO FACEBOOK https://www.facebook.com/GalizaOficial/ E TAMEN EN YOUTUBE https://www.youtube.com/channel/UCNjvDj15Vlpio21zo7p8Efg

Ningún comentario :

Publicar un comentario