GALIZA

sábado, 25 de febreiro de 2017

QUEN FOI ... FOUCELLAS ?

FOUCELLAS 

Benigno Andrade García, alcumado o Foucellas, nado o 22 de outubro do 1908 no lugar das Foucellas, no concello de Mesía, e agarrotado o 7 de agosto de 1952, na Prisión Provincial da Coruña, foi un militante da CNT e guerilleiro anti-franquista. Benigno Andrade é un dos nomes míticos do antifranquismo armado en Galicia.






Nacido no lugar das Foucellas, do que tomou o alcume, na parroquia de Cabrui, Mesía. Estudou na escola primaria da localidade e desde moi novo traballou nos labores do campo, de xornaleiro, e tamén traballou nunha leitería. Máis tarde trasladouse a León para traballar nas minas de carbón de Fabero, Ponferrada.

Casado con María Pérez, tivo dous fillos, Josefa e Sergio. A súa muller traballaba na casa do médico da localidade, Manuel Calvelo, quen xunto coa súa muller Isabel Ríos, dirixían a célula comunista de Curtis, chamada Sociedade Republicana Radio Comunista en Curtis, coa que simpatizaba Foucellas.

Posteriormente afiliado á CNT, ao estalar a Guerra Civil enrolouse nunha columna que se dirixía á Coruña, para atoparse coa cidade xa tomada polos grupos golpistas, polo que retornou a Curtis. Interveu nunha requisa de armas en Fisteus e noutra de dinamita na estación de Teixeiro e, temendo represalias dos sectores fascistas, botouse ao monte. Durante a guerra estivo enfermo de difteria e pasouna convalecente e escondido en diversos lugares do concello. Durante ese tempo foi chamado a filas e declarado prófugo.

O PENSAMENTO

 Xa recuperado e aínda non buscado activamente pola Garda Civil, púxose á fronte, sobre o ano 1941, dunha partida guerrilleira que actuaba sobre todo na zona de Sobrado dos Monxes e Arzúa, formada principalmente por prisioneiros republicanos fuxidos dos batallóns de castigo disciplinario que existían naquela época en Galicia. Coa súa propia arma, é ferido en 1945. Os amigos lévano ao sanatorio de San Nicolás, na Coruña, onde é operado e resgardado. É por esta altura cando se conta que ía a Riazor ver o Deportivo vestido de crego para evitar sospeitas. Benigno Andrade participa do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1947 parte para Pontevedra, onde é o principal combatente da V Agrupación. En outubro de 1949 escapa a unha emboscada da Garda Civil tendida a Riqueche, xefe do destacamento Cortizas.
Fusil de Foucellas de 1952, no Museo Militar da Coruña.

Nos anos 1950 e 51, xa moi minguados os destacamentos guerrilleiros, trasládase á zona de Betanzos, en compañía de Manuel Villar, Manolito, que lle servía de único enlace. O 9 de marzo de 1952 é detido no lugar de Costa, en Oza dos Ríos, resultando mortos Manolito e outro guerrilleiro, e o Garda Civil Cesáreo Díez; e ferido nunha perna Benigno.

Terribelmente torturado pola Garda Civil, confesou a axuda que lle prestaran moitos alcaldes dereitistas da zona. Foi xulgado en consello de guerra o 26 de xuño de 1952 e condenado a morte, sentenza executada o 7 de agosto do mesmo ano, na prisión da Coruña, mediante garrote vil e sendo soterrado nunha fosa común do cemiterio de San Amaro.

As últimas palabras aos seus fillos antes de morrer foron:
Morro polas miñas ideas e por defender a liberdade e un goberno lexitimamente elixido.
O Foucellas[3]

A vida de Benigno Andrade está escurecida pola lenda forxada polo pobo, que lle atribuíu toda clase de actos, até o extremo de que os guerrilleiros galegos foron chamados "Foucellas" en xeral. Atribuíronselle multitude de actuacións, aínda que é certo que moitos bandoleiros e delincuentes comúns culpaban a Foucellas dos seus propios crimes, debido á súa gran fama.


SIGUENOS NO FACEBOOK https://www.facebook.com/GalizaOficial/ E TAMEN EN YOUTUBE https://www.youtube.com/channel/UCNjvDj15Vlpio21zo7p8Efg

Ningún comentario :

Publicar un comentario