SANTIAGO CASARES QUIROGA
Santiago Casares Quiroga, nado na Coruña o 8 de maio de 1884 e finado en París o 17 de febreiro de 1950, foi un político e avogado galego.Fillo de Santiago Casares Paz, militante do Partido Republicano Federal e alcalde republicano da Coruña en 1917. Desde os cinco anos padeceu tuberculose. Cursou os estudos universitarios en Madrid e doutorouse en Dereito cunha tese dedicada á Ramón de la Sagra. Dende 1907 foi concelleiro na Coruñá e nese ano convertiuse nun dos membros destacados de Solidaridad Gallega. Ligado ao Partido Republicano Autónomo da Coruña do que foi líder con 24 anos. En 1914 asumiu a dirección do periódico republicano Tierra Gallega. Como consecuencia da súa implicación nunha campaña anticlerical en 1917 na que resultou agredido, foi destituído como concelleiro. En 1919 figurou como candidato a Deputado a Cortes pola Coruña na coalición republicano-socialista. Casou en 1920 con Gloria Pérez Corrales. Coa chegada ao poder de Primo de Rivera permaneceu un curto período na cadea e despois dedicouse aos negocios e a administrar a súa fortuna. O 11 de febreiro de 1926 creouse a Alianza Republicana, e integrouse nela con Gerardo Abad Conde como representantes do Casino Republicano Coruñés.
O 5 de setembro de 1929 Casares reúnese no Casino de Santiago de Compostela con Emilio González López, Antón Villar Ponte e outros intelectuais para crear un novo partido político republicano de carácter autonomista que se denominño ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma). Participou no Pacto de San Sebastián (1930), en representación da Federación Republicana Gallega. En decembro dese ano, foi enviado a Jaca como delegado do comité revolucionario republicano na clandestinidade para evitar a sublevación que preparaban un grupo de militares republicanos. Non chegou a tempo, polo que a sublevación tivo lugar, sen éxito ningún. A consecuencia disto, foi encarcerado.
Coa chegada da República foi nomeado Ministro da Mariña no goberno provisional e máis tarde Ministro de Gobernación. Elixido deputado polas Cortes Constituíntes pola ORGA, seguiu sendo Ministro de Gobernación durante o goberno socialista-republicano presidido por Manuel Azaña.
Monumento a Santiago Casares Quiroga na Coruña.
Elixido deputado de novo en 1933, e en 1934 (a ORGA pasa a chamarse Partido Republicano Gallego) une o seu partido co de Azaña e outras forzas para crear a Izquierda Republicana, partido que se integraría no Frente Popular. Tralas eleccións de 1936 é nomeado Ministro de Obras Públicas. Tralo acceso de Azaña á presidencia da República, Casares Quiroga é nomeado Presidente do Goberno e Ministro da Guerra. Como presidente, organiza o referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, o terceiro que se presenta despois dos de Cataluña e País Vasco, o cal é aprobado o 28 de xuño do mesmo ano.
Segue sendo presidente do goberno cando se produce a sublevación militar do 18 de xullo de 1936 que desembocaría na Guerra Civil Española. Afirmouse tradicionalmente que se negou a entregar as armas ás organizacións obreiras, polo que dimitiu e foi substituído por Diego Martínez Barrio de forma interina e por José Giral definitivamente. Así e todo, as memorias de Manuel Portela Valladares (inéditas até 1972) e as da súa filla María Casares, coinciden en afirmar o contrario: foi o presidente da República, Manuel Azaña, quen cesou a Casares o mesmo 18 de xullo de 1936 porque este último quería entregar as armas ao pobo.
Non ocupou ningún cargo máis durante a Guerra Civil, marchando a Francia antes da súa finalización. Morreu no exilio en 1950.
O 14 de abril de 2007 foi inaugurada na Coruña a Casa Museo Casares Quiroga na que fora a súa casa na Coruña.
Ningún comentario :
Publicar un comentario