GALIZA

xoves, 10 de marzo de 2016

Rebentabois : Amanita Muscarea (cogumelo velenoso)


O rebentabois (Amanita muscaria  ), tamén chamada bricabois ou amanita pinta , é un cogomelo tóxico , frecuente en Galicia  e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois 
 
Coñécese en castelan como falsa oronja ou matamoscas; en catalan : reig bord, reig de fageda, reig tinyós ou reig vermell; en euskera : kuleto paltsoa ou kuleto falsoa. En frances chámase fause oronge.
O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufri-los insectos que pousan sobre este cogomelo.

Ó nacer, a amanita ten a forma dunha pequena bóla branca e carnosa, que termina rompendo ó desenvolverse o sombreiro. Este é practicamente hemiesférico pero pouco a pouco vai estendéndose e tomando a clásica forma de paraugas, aplanado e co bordo lixeiramente estriado. A cor propia é vermella e vai clareando ó madurecer, ata cores laranxas ou amareladas. O veo branco que pechaba ese ovo inicial queda fragmentado sobre a superficie do sombreiro formando esas pintas brancas, que van desprendéndose co paso do tempo, sobre todo baixo chuvias importantes, que as arrastran. Estes restos de veo poden arrancarse facilmente.
O sombreiro é carnoso e húmido ou algo viscoso. Pode alcanzar un tamaño de 12-15 cm de altura e un diámetro de 8 a 20 cm.



Na parte inferior do sombreiro están as láminas, sempre brancas, moi mestas e co bordo interno libre , a esporada , é tamén branca. O pé ou talo, esvelto e de ata 3 cm de sección, tamén é branco, coa base engrosada e presenta un anel , branco, membranoso, lobulado e colgante, ás veces coa marxe amarelenta e estriada. Cando o exemplar alcanza a madurez, o pé pode mostrar unha canle oca no seu interior. Como tódalas especies deste xénero, na base do pé atópase unha volva que, neste caso, adopta a forma dunha serie de rodas de vultos ou engrosamentos, tamén brancos, a modo de espullas .
A carne é insípida ou lixeiramente doce, e sen olor propio, cunha suave coloración alaranxada baixo a cutícula e branca no resto. As esporas son brancas e miden 9,5-12 por 6-8 micrómetros, lisas e non amiloides.

Diferenciación

A forma, cores e, sobre todo, a presenza das pintas brancas fai que sexa fácil de recoñecer. Podería confundirse coa Casarea (comestible e moi apreciada) se chegan a desaparecer tódalas manchas brancas, da que se diferenza porque nesta última especie o pé e as láminas son de cor amarela dourada e a volva está ben desenvolvida e carnosa.

Hábitat

Adoita medrar en medios húmidos e sombrizos, baixo coniferas ou frondosas ( faias, bidueiros etc.), pero non é estraño atopala en espazos máis despexados. Crece en zonas baixas ata a media montaña. É frecuente o seu crecemento en grupos.
É unha especie tipicamente outonal , que aparece xa a finais de verán .

Toxicidade

Considérase unha especie velenosa, con efectos tóxicos sobre o fígado e o intestino que poden chegar a ser graves pero raramente mortais. Produce tamén efectos alucinoxenos, razón pola que se consumiu desde antigo en diferentes partes do mundo.
Os efectos psíquicos que provoca débense ó seu contido en derivados isoxazólicos (como o ácido iboténico ou o muscimol) e outros, como a butofenina e a muscarina (responsable da visión deformada de formas e distancias). Entre 30 minutos e 1 hora despois de inxerilo aparecen trastornos gastrointestinais (dores cólicas e vómitos) e inmediatamente despois comezan os efectos alucinóxenos, con delirios, alucinacións e visións coloreadas e puntos de luz, nun estado semellante á embriaguez, para rematar cun forte sono ó cabo de varias horas. A concentración dos principios activos é variable dentro dun mesmo exemplar (a cutícula é máis rica có resto da carne) e segundo o hábitat onde se recolle (a máis altura, maior concentración). Tamén se dá o feito de que unhas substancias se transforman noutras ó madurar ou tras desecamento: o ácido iboténico degrádase rapidamente en muscimol, 5-10 veces máis potente e capaz de permanecer activo en exemplares desecados de varios anos.

Curiosidades


Amanita muscaria é coñecida por  todos por se-lo cogumelo característico dos contos e debuxos infantís. Disque nelas viven os gnomos.

Castro Cerceda recolleu de veciños de Quiroga (Lugo) o dato de que unha meiga da zona consumía Amanita muscaria para entrar en transo. Tamén no Corgo (Lugo), reportouse o caso dun home que, sendo un corpo aberto, xantaba rebentabois para falar cos familiares mortos dos veciños que ían preguntarlle.





Ningún comentario :

Publicar un comentario