GALIZA

Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de febreiro de 2017

O CICLO DO ENTROIDO ver videos

 

Ciclo do entroido

 a, domingo fareleiro. b, domingo oleiro. c, xoves de compadres. d, domingo corredoiro. e, xoves de comadres. f, domingo de Entroido. g, luns de Entroido. h, martes de Entroido. i, mércores de cinza. l, domingo de piñata.
O ciclo do entroido é o período de tempo relacionado coa festividade do entroido. Non ten datas fixas, ó depender da pascua e a coresma.
O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Polo xeral tomouse como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda, ademais de na realidade non ser o ciclo máis longo pois este é en Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as campadas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de San Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro).
Estas son, por orde, as súas principais datas en Galiza.
  • o domingo fareleiro. Os rapaces emporcallan a xente, sobre todo as rapazas e as mulleres, con farelo, borralla, betume e ferruxe dos potes.
  • o domingo oleiro. Os homes xogan a guindarse uns aos outros unhas olas de arxila sen que lles rompan.
  • o xoves de compadres. Ten lugar unha simbólica guerra de sexos: as mozas fan bonecos ("compadres") e quéimanos loitando cos mozos, que para impedilo bótanlles ás mozas auga, borralla...
  • o domingo corredoiro os rapaces e mozos botan auga, ovos podres, borralla, lama e mesmo formigas á xente. Celébrase tamén a corrida do galo, onde os mozos teñen que tentar arrincarlle a cabeza á ave cun pau ou coas mans. O que consegue matar o galo lévao. Na versión infantil, soltábase o galo nun recinto e os rapaces corríano ata esgotalo. Logo faise unha gran comida co mellor da matanza.
  • o xoves de comadres. Ao xoves seguinte repítese o ritual do xoves de compadres pero o revés. Neste caso son as comadres, as mozas, as queimadas.
  • o domingo, o luns e mais o martes de entroido son os tres días grandes desta festividade, se ben conforme as distintas vilas pode ser máis importante o domingo, o luns (Laza) ou o martes. Neles fanse as grandes esmorgas, os desfiles de máscaras polas rúas ou polas corredoiras e os bailes de disfraces.
  • o mércores de cinza, cando se celebra o enterro da sardiña. Á noite sae a xente envolveita nunha saba e levando botafumeiros feitos de folla de lata nos que arden zapatos vellos, goma de pneumático e todo que cheire mal. Imitan a procesión de enterro dunha criatura, a sardiña, que representa a diversión e a felicidade. Noutras localidades prodúcese a queima do meco do entroido, cuns rituais semellantes. Éntrase na coresma, nos corenta días de xexún en que os católicos teñen prohibido comer carne.
  • o domingo de piñata ten un carácter netamente urbano e moderno. A piñata é un xogo traído de Italia no século XVIII, e que consiste en romper cun pau, levando os ollos tapados, unha ola que pende dunha corda, chea de confetti, auga, fariña ou incluso cun pombo vivo.




 SIGUENOS NO FACEBOOK https://www.facebook.com/GalizaOficial
 E TAMEN EN YOUTUBE https://www.youtube.com/channel/UCNjvDj15Vlpio21zo7p8Efg

xoves, 16 de febreiro de 2017

ENTROIDO RIBEIRAO DE CHANTADA LUGO ver video

VIDEO .....
O Entroido RibeiraoO Entroido Ribeirao nos seus inicios celebrábase en case todas as parroquias da ribeira chantadina: San Pedro de Líncora, Camporramiro, Santiago da Riba, A Sariña, Nogueira ou Vilaúxe. Entre elas establecíase unha auténtica rivalidade para conseguir ser a parroquia que mellor os facía. Trocando aspectos xeográficos por outros puramente formais dicir que a festa chantadina se prolonga durante todo o mes de Febreiro constatándose catro días de festexos :
• Domingo Lambedoiro
Ou de septuaxésima, segundo Xosé Manuel Vázquez Rodríguez esta data atópase moi relacionada coa gastronomía que se mostra como parte fundamental do Entroido. Tamén é coñecido este Domingo como fareleiro ou borralleiro xa que os festeiros se lixaban uns ós outros con diversos produtos ofertados pola nai natureza; tamén era común arroxar formigas cabalares con vinagre.
• Domingo Corredoiro (ou de sesaxésima)
Data na que son comúns xogos de diversa índole amais de algunha que outra representación teatral. 

• Domingo de Entroido
Ou de quincuaxésima, día propio da festividade.

• Martes de Entroido
Neste día tamén se produce o testamento da máscara, acto no que se repasa a vida dos veciños da zona; celebran o enterro do Santo Entroido, que simboliza a festividade no seu conxunto, é introducido nun cadaleito de formica que posteriormente se cubre con follas. Os volantes bailan arredor da caixa fúnebre mentres o crego e o sancristán tentan resucitar ó cadáver. Despois de diversos requisitos bérranlle: “¡sae dunha vez! ¿qué, non queres que haxa festa?”; nese intre o Santo Entroido érguese e di: “tede a festa tranquilos que xa volverei pro enterro”, nese momento marcha para volver o Martes de Entroido. Nesta data é conducido ó campo da festa e vólvese a introducir no cadaleito. Aproveitando o baile dos volantes emprende a fuxida para non regresar ata o ano que ven. Este é o xeito no que se representa o enterro do Santo Entroido.






En canto ós personaxes típicos do Entroido Ribeirao caben ser destacados, por riba de calquera outro, os volantes que dotan á celebración chantadina de gran parte da súa singularidade. Portan sobre a testa os famosos “puchos” que non son outra cousa que enormes gorros dos que se di que teñen a forma de camarín da Virxe. Estruturas moi pesadas, estímase que poden chegar a pesar 15 quilos, teñen unha estrutura interna de madeira feita con paus de vimbia ou salgueiro. Sobre ela colgan numerosas cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude cunha gran profusión de colorido. Tamén é común que sobre o “pucho” se coloquen bonecas e flores que nun tempo eran elaboradas polas mulleres das distintas parroquias; coméntase que en cada freguesía tiñan un xeito de elaboralas. Nos ombreiros, os volantes levan un pano cunha gran variedade cromática chamados “portugueses” para diferencialos dos utilizados na antigüidade, denominados “marinos” xa que moitos dos mesmos proviñan de ultramar sendo de cores máis tristes. O volante, sempre masculino, ten unha vestimenta inferior caracterizada por presentar unha serie de bandas con cores moi significativas; son comúns as cores vermella e amarela (por ser como a bandeira española; dise que na antigüidade era a tela máis barata) aínda que na actualidade non é estraño ver ós volantes coa cromática azul/branco.
Estas relevantes personaxes portan un cinto feito en coiro, o da parroquia de Santiago da Riba estaba realizado en coiro de porco por ter maior duración, sobre o que penduran un total de 24 campaíñas (as “esquilas” de Manzaneda e Viana do Bolo) que se van alternando en función do seu son; as de timbre grave, denominadas “ machos ”, e as de son agudo ou “femias”. O seu papel ou función é a de protagonista principal, anunciando a festa aló por onde van.
               

 
Outro dos actores protagonistas do Entroido ribeirao é o peliqueiro. Contrapunto que é do Volante, viste dun xeito farrapento e descoidado con roupa sempre vella. É bastante común que cubra a súa faciana e maila súa cabeza cunha carauta realizada case sempre en pel. O seu rol é o de abrir paso ó Volante valéndose dunha correa de coiro que agarran polo pulso; coa mesma cargan sobre as xentes que aparecen no camiño. Na súa parte posterior, a altura do van, levan unha gran choca do xugo dos bois sen esquecernos que tamén portan unha pelica, de aí ven o seu nome. En tempos acompañábano no seu camiñar os Mecos e os Maragatos, protagonistas tamén do Entroido Ribeirao, aínda que a día de hoxe son pouco frecuentes e na maioría das ocasións atópanse confundidos co peliqueiro.

Unha das características máis relevantes deste festexo son os   “oficios ”. Estes non son outra cousa que pequenas representacións teatrais nas que se trata cun ton satírico diversos aspectos da actualidade ou da vida cotián das persoas. É bastante frecuente que os asistentes se mesturen cos actores vinculándose directamente na representación da sátira. Sobre os temas tratados nos oficios salientar algúns exemplos para ter un concepto claro da simboloxía dos mesmos: a voda de dous curas homosexuais, figuracións sobre algún presidente do goberno, etc. No pasado non era común o feito de falar nestas pezas teatrais; o habitual era realizar diversos ruídos expresivos do que se quería dicir. Os oficios aínda sendo moi representativos da celebración feita na nosa comarca non son únicos da mesma. Hai que trasladarse poucos quilómetros para ollalos en Salcedo (Lugo), en Viana do Bolo (Ourense) ou en Manzaneda.
  

 Analizando polo miúdo o Entroido de Chantada óllase como posúe moitos puntos en común con outros entroidos celebrados non só en Galicia, senón tamén no resto de España e Europa. Algunha das mesmas foron comentadas en liñas anteriores pero existen máis. Poñamos como exemplo os gorros e as cintas coloridas que tamén son características das celebracións feitas en Valfloriana, Italia; os puchos tamén son habituais no Trentino (Italia), ou en Telfs (no tirol austríaco). Máis puntos en común. Os peliqueiros da nosa comarca son os denominados “Momotxorroak” (homes salvaxes) de Navarra e as bonecas que en Chantada se colocaban nos puchos tamén aparecen no Entroido de Cobres, localidade da provincia de Pontevedra. Pero o Entroido tamén ten unha profunda carga simbólica. A festividade atópase inzada de referencias simbólicas que fan alusión, normalmente, á natureza  

que nos rodea. Mostra do comentado témola nas cores vivas que adornan ó volante; as mesmas crese que son un intento de engano á natureza para que esta crea que o inverno rematou e que xa é hora de que o clima troque para ter condicións climáticas máis benignas. Outra referencia simbólica é a que nos ven mostrada polas campás que os volantes axitaban con moito fervor unha vez chegados ás terras de cultivo; pénsase que tal acto viña motivado pola crenza de que o son das campás aumentaría a fertilidade das terras; nalgúns lugares de Europa, o son das campás era utilizado para expulsa-los malos espíritos.
Para rematar co relato do Entroido dicir que non sempre foi ben visto polas autoridades. Poñamos como exemplo a ditadura franquista que como era habitual, vía pantasmas  onde nos as había. A esta oposición das autoridades uniuse a dos cregos que tentaban inculcar ós rapaces a repulsa pola festividade. Nunca conseguirían tal feito xa que os nenos ollaban nos seus lares a paixón dos ribeiráns polo Entroido. Era común que os mesmos fixesen xuntanzas nas adegas, sempre ás agachadas, para tentar evitar ós gardas. Unha vez feitos os preparativos daba comezo o festexo no que había unha especie de vixiante que daba aviso da chegada das autoridades.

...“Volante” rexo o abandeirado
que ó son das campaíñas
bailas e campas.
¡As “colonias” ó vento
contigo danzan!
¡E coas tuas reviravoltas
as cores xiran e cantan!
¡Que espectáculo
que abraio de estampa!
Baila-las campás
e as “colonias” danzas
en retrincos de cor
os soídos estalas...
(Sabela Díaz Regueiro, ano 2002)








 


SUSCRIBETE A ESTA CANLE PARA VER MAIS VIDEOS https://www.youtube.com/channel/UCNjvDj15Vlpio21zo7p8Efg
SIGUENOS NO FACEBOOK https://www.facebook.com/GalizaOficial/

venres, 10 de febreiro de 2017

ENTROIDO : COLGAMENTO DO MECO 11 FEBREIRO EN XINZO (ver video)

  


 Colgamento do Meco Sabado  11 de febreiro en Xinzo de Limia


                                              ---VIDEO
 Entre lusco e fusco o "Meco" percorrerá o casco antigo dende a Praza de Oriente acompañado por corozas e fachóns, para o seu colgamento na Praza Maior ao son das gaitas.
Ás 22.30 horas haberá concerto de Pelepau
Seguindo ca nosa teima do entroido máis tradicional, celebraremos a Procesión do Meco. Todo o pon a xente do pobo ,fachucos de palla, chocas, touro, meco, carro, mascaras, etc...
Saese  dende o Museo Galego do Entroido a eso das... entre lusco e fusco. Ao final remataremos como sempre coa cea de confraternidade a cual estades todos convidados.
VIVA O NOSO ENTROIDO TRADICIONAL.







E TAMEN EN YOUTUBE https://www.youtube.com/channel/UCNjvDj15Vlpio21zo7p8Efg
SIGUENOS NO FACEBOOK https://www.facebook.com/GalizaOficial/

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda

FOLION TRADICIONAL DO ENTROIDO DE MANZANEDA



O son atronador do folión, con bombos, tambores, cencerros e utensilios de labranza metálicos enche a localidade de Manzaneda durante este peculiar pasacalle de entroido, que nesta localidade é acompañado polo seu personaxe tradicional, a mazcara


Os foliones de Manzaneda son espectaculares polo seu ritmo compasado e ininterrompido e a elegancia e colorido das mázcaras, cos seus característicos gorros engarzados con cintas de cores e os seus saltos e danzas de orixe arcaica. O gran folión ten lugar o Martes de Entroido, que é festa local, cando se xuntan na vila os foliones de todas as parroquias formando un impresionante estrondo. Acaba sempre cunha comida popular a base de porco: chourizos, rabo..., a comida típica destas datas en Galicia.

NON ESQUEZADES FACERVOS FAN EN FACEBOOK DA NOSA PAXINA
https://www.facebook.com/GalizaOficial/

Festa da Androlla e o Entroido de Viana do Bolo


FESTA DA ANDROLLA E ENTROIDO DE VIANA DO BOLO


 


 A androlla é un embutido típico da comarca de Viana, que se fai en tripa gorda, afumada como un chourizo, e reenchida de costela de porco tallada e adobada con carne, todo sazonado con sal, pemento doce e picante e un pouco de allo. Necesita afumarse durante dez días e secarse durante uns dous meses antes de estar lista para cociñar.




O Domingo de Entroido, este produto elaborado con carne de porco é o produto estrela da xornada en Viana do Bolo e son moitas as persoas que acoden a degustala, acompañada de cachelos e de grelos, en medio do ambiente festivo propio do Entroido, un dos máis orixinais da provincia de Ourense.









Aquí a personaxe típica é o “boteiro” que, coa súa máscara de madeira de cor negra rematada por unha pantalla con armazón de arame recuberta de tiras de papel de seda de cores e os seus saltos, garda reminiscencias de culturas exóticas.








                                              



 Rechamante tamén polo colorido das fitas de tea que cobren a súa camisa, que forman debuxos xeométricos ou florais, o “boteiro” é o encargado de abrir paso aos folións e manter a orde da comparsa.



 Moi respectado polo público, cos seus movementos ten a habilidade de facer que as chocas do seu cinto, de distintos tons, soen como é axeitado en cada momento.

Entroido dos Xenerais do Ulla

ENTROIDO DOS XENERAIS DO ULLOA






Trátase dunha celebración orixinal da comarca da Ulla, con referencias documentadas nos anos 70 do século XIX.










Os personaxes máis relevantes desta celebración son os xenerais e os correos a cabalo que van disfrazados con vestimentas militares de época e outros adornos tamén nos cabalos. Acompañados de abandeirados, coros e comparsas, percorren as parroquias da zona e representan diversas escenas, coñecidos como atranques ou alto.





Estes atranques consisten nun enfrontamento dialéctico por parellas no que se fai burla de asuntos sociais de actualidade. As diferentes parroquias presentan incluso singularidades e manteñen os seus trazos definitorios. A espectacularidade deste Entroido tradicional galego logra atraer cada ano a numerosos visitantes á comarca do Ulla.

Entroido dos Felos de Maceda

ENTROIDO DOS FELOS DE MACEDA





Son as máscaras emblemáticas do Entroido de Maceda. Unhas figuras pouco coñecidas fóra da zona, pero tan antigas e fascinantes como os seus parentes máis famosos, os peliqueiros de Laza e os cigarróns de Verín. 





Todos visten dun xeito moi similar, mais o que distingue a simple vista aos felos son as medias negras, en lugar de brancas. A súa vestimenta é en certo modo máis rústico, máis apegado ás orixes.







Vestirse de felo imprime carácter e só poden facelo os homes solteiros. Son por definición espíritos rebeldes e anárquicos, mais en tempo de Entroido eles son a lei.



Entroido Xinzo de Limia

ENTROIDO XINZO DE LIMIA




 

Prazas, bares e tascas da localidade convértense durante estes días nunha continua troula, protagonizada pola xuventude, entre música de charangas e verbenas e pantagruélicos xantares.



 As “pantallas” son as estrelas deste Entroido. Estas personaxes ancestrais percorren a vila golpeando dúas vexigas de animais, secas e inchadas como globos, impoñendo a súa lei.




O de Xinzo de Limia é, ademais, o ciclo de carnaval máis longo de toda España, xa que comeza o Domingo Fareleiro (tres antes do Domingo de Entroido) e remata co Domingo de Piñata.




 Aínda que o Domingo de Entroido a localidade é un fervedoiro de xente de todos os lugares de Galicia, o día grande é o Martes de Entroido, cando ten lugar o desfile de carrozas e comparsas, encabezado por un gran grupo de “pantallas”.

NON ESQUEZADES FACERVOS FAN EN FACEBOOK DA NOSA PAXINA
https://www.facebook.com/GalizaOficial/

Entroido de Verin



ENTROIDO DE VERIN ;





 Nesta localidade do oriente ourensán, os “cigarróns” son os protagonistas do Entroido. Fan a súa aparición na vila o Domingo Corredoiro, o anterior ao Domingo de Entroido, tras as misas da mañá, saudando aos fregueses e enchendo o ambiente de maxia e excitación coas súas danzas e o son enxordecedor das súas chocas.




Moitos son os rituais que se suceden nestas lúdicas festas desde semanas antes dos días grandes, como son os protagonizados polos mozos e mozas, enredados en guerras de sexos, nos Xoves de Comadres e de Compadres.







O Luns de Entroido ten lugar en Verín a batalla de fariña, un síntoma de ruptura das barreiras da vida cotiá, e antigamente un xeito que tiñan os mozos de achegarse ás mozas e chamar a súa atención; e o Martes, o gran desfile de carrozas, comparsas, máscaras e “cigarróns” polo centro da vila.
“Cigarróns”, charangas e verbenas animan as rúas e prazas de Verín, que descansa dos excesos do Entroido o Mércores de Cinza, festivo local.


 se queredes ver máis fotos :
 https://www.facebook.com/media/set/?set=a.961331140613459.1073741841.572703199476257&type=3

Entroido de Laza

ENTROIDO DE LAZA




 Son uns dos entroidos máis enxebres de cantos teñen lugar en Galicia. Ritos e personaxes ancestrais protagonizan o transcorrer destas irreverentes festas que aquí comezan semanas antes dos días grandes de Entroido, con catro Venres de Folión.




Os días de Entroido en Laza discorren entre a praza da Picota, centro neurálxico dos actos do Entroido, e os bares, tomados polos mozos da vila, que crean un ambiente festivo coa súas continuas esmorgas en torno ao bo xantar, o viño, o licor café e as típicas augardentes galegas.



 Os “peliqueiros”, armados con zamarras (unha especie de látego, con mango de madeira perfectamente labrado), con seis chocas no cinto, son as personaxes “estrelas” do Entroido e chaman a atención pola súa particular e impecable vestimenta que pode pesar ata quince quilos e as súas caretas demoníacas adornadas con imaxes de animais. Fan a súa aparición o Domingo de Entroido, despois da misa. Percorren a vila en grupo impondo a súa lei. Pódeselles insultar pero nunca tocar nin ensuciar o seu atavío.





Un dos días máis animados é o Luns de Entroido ou “Día da Borralleira”, cando, pola mañá, ten lugar a Farrapada (batalla de trapos untados con barro) e a Xitanada (procesión de parellas montadas en burros) .



Pola tarde, baixa desde Cimadevila a “Morena”, un home cuberto cunha manta e cunha cabeza de vaca que se dedica a levantar as saias das mulleres, axudado pola súa comitiva que lanza sobre a multitude na praza da Picota unha chuvia de formigas vivas, en ocasións mesturadas con vinagre e fariña, para poñelas máis rabiosas.




NON ESQUEZADES FACERVOS FAN EN FACEBOOK DA NOSA PAXINA
https://www.facebook.com/GalizaOficial/

Entroido de Cobres



Entroido de Cobres


 


As orixes do Entroido desta parroquia situada na ría de Vigo remóntanse ata o século XVIII. Aquí, madamas e galáns (mulleres e homes vestidos de branco) e aldeáns representan distintas posicións económicas e roles sociais, tanto mediante as súas vestimentas como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións.

Madamas e galáns, moi rechamantes polos seus suntuosos sombreiros e a súa pulcra vestimenta, ocupan a posición social máis elevada, mentres que os aldeáns representan o último elo da cadea e o grupo maioritario. Todos, iso si, van neste Entroido a cara descuberta.

De sábado a martes, durante todo o día as madamas e galáns percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, acompañados por unha charanga, e agasallan aos presentes cos seus bailes, entre eles a popular Danza dos Cobres.


O día grande é o martes, cando pola tarde teñen lugar antigos xogos populares, como o da “corrida do galo” –con rituais cargados de simbolismo–, o “galo no río” ou o “galo na vara”, nos que participa toda a mocidade do lugar.





NON ESQUEZADES FACERVOS FAN EN FACEBOOK DA NOSA PAXINA
https://www.facebook.com/GalizaOficial/