GALIZA

Amosando publicacións coa etiqueta Laza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Laza. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de xaneiro de 2016

Entroido de Laza

ENTROIDO DE LAZA




 Son uns dos entroidos máis enxebres de cantos teñen lugar en Galicia. Ritos e personaxes ancestrais protagonizan o transcorrer destas irreverentes festas que aquí comezan semanas antes dos días grandes de Entroido, con catro Venres de Folión.




Os días de Entroido en Laza discorren entre a praza da Picota, centro neurálxico dos actos do Entroido, e os bares, tomados polos mozos da vila, que crean un ambiente festivo coa súas continuas esmorgas en torno ao bo xantar, o viño, o licor café e as típicas augardentes galegas.



 Os “peliqueiros”, armados con zamarras (unha especie de látego, con mango de madeira perfectamente labrado), con seis chocas no cinto, son as personaxes “estrelas” do Entroido e chaman a atención pola súa particular e impecable vestimenta que pode pesar ata quince quilos e as súas caretas demoníacas adornadas con imaxes de animais. Fan a súa aparición o Domingo de Entroido, despois da misa. Percorren a vila en grupo impondo a súa lei. Pódeselles insultar pero nunca tocar nin ensuciar o seu atavío.





Un dos días máis animados é o Luns de Entroido ou “Día da Borralleira”, cando, pola mañá, ten lugar a Farrapada (batalla de trapos untados con barro) e a Xitanada (procesión de parellas montadas en burros) .



Pola tarde, baixa desde Cimadevila a “Morena”, un home cuberto cunha manta e cunha cabeza de vaca que se dedica a levantar as saias das mulleres, axudado pola súa comitiva que lanza sobre a multitude na praza da Picota unha chuvia de formigas vivas, en ocasións mesturadas con vinagre e fariña, para poñelas máis rabiosas.




NON ESQUEZADES FACERVOS FAN EN FACEBOOK DA NOSA PAXINA
https://www.facebook.com/GalizaOficial/